domingo, 23 de febreiro de 2014

Estudo da toponimia do Concello de FOZ



Esta páxina achega un pequeno estudo da toponimia das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.
É unha páxina viva: irá medrando, en cantidade e calidade.
______________________________________

A ABELLEIRA (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Moitas veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.
Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab– 'auga'.
Aínda que o apelativo "abelleira" teña tamén a acepción de "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a orixe: sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

A ACAROADA (Nois)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. aquí.


A AGREBOA (Nois)
Probablemente composto de "agra boa", agra moi produtiva.

A AGUIEIRA (Cordido, Santa Cilla do Valadouro)
Lugar frecuentado polas aguias.

A ALBARIZA (Santa Cilla do Valadouro, Cangas)
O termo "albariza" designa un sitio onde abundan as colmeas. Cf. aquí.

A ALCAVEDRA
(Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente derive de "arca vetera" 'arca vella', con "arca" referindo a un dolmen ou a un marco divisorio.
No entanto, ao non dispormos de documentación antiga que o sustente, é apenas unha hipótese. A evolución non presenta maiores problemas, sendo o paso de -r- a -l-, por disimilación, unha evolución de análoga á rexistrada no caso de Alcobre < Arcobre (cf. p. 51 de A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").

A ALLEIRA (Fazouro)

Este topónimo pode interpretarse de dous modos distintos:
1)Lugar onde abundan os allos. Pode referirse tanto aos allos comúns como aos allos bravos.
2) Punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. Neste caso derivaría do latín angularia.
Para especular entre unha das dúas interpretacións, sería preciso coñecer o lugar, cousa que non ocorre. Deixámolo para cando alguén que coñeza nos dea pistas de se está preto dun recanto do río ou non.

Existe un Allares e un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove, "O Alleiral" en Muras, etc.

A ALMUÍÑA (Santo Acisclo do Valadouro)
Derivada do árabe hispano almúnya 'quinta'. Defínea o dicionario como "horta de árbores frutais, cerrada". Cf. aquí.

A ARCA (Cangas)
Lugar onde houbo/hai unha "arca", xeralmente referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.

A ARNELA (Vilaronte, Fazouro)
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga".

O dicionario define "arnela" como "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato". Cf. aquí. Este significado parece tamén encaixar por analoxía co concepto de " canaleta para conducir a auga" citado antes.

Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, encaixando co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións. Tampouco explicaría topónimos como "Arnoia". 
Existe unha "Praia da Arnela" en Faro (Viveiro).

A ASADOIRA (Santa Cilla do Valadouro)
Podería ter unha ligazón etimolóxica co verbo "asar", indicando lugar queimado *arsatum, ou lugar soleado onde quenta o sol.
Alternativamente, pode ter a orixe no tema paleoeuropeo *aps-, formado a partir da raíz indoeuropea *ap- "auga". Así interpreta Bascuas algúns topónimos "Asadelos" e "Asadoiros", aínda que tamén admite a primeira alternativa. Cf. p. 181 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Se observamos a localización de varios "Asadoira" existentes (ver aquí), semella probábel a súa interpretación hidronímica.

A ATALAIA (Foz)
Lugar de vixilancia, probablemente das baleas e similares que entraban na ría. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Balea".

A AZUREIRA (Santo Acisclo do Valadouro)
Unha "azoreira" era un lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. aquí.


A BALSA (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
Segundo F. Villar, deriva da raíz *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s-. Cf. p. 299 de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
Alternativamente, podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco - no entanto, é xeralmente aceptado que no País Vasco fican moitos topónimos paleoeuropeos, de raíz indoeuropea e, portanto, non relacionados co vasco senón anteriores.

A BALTARA (Cordido)
De "a (terra) do Baltar", terras dun propietario chamado ou apelidado Baltar.
O apelido Baltar deriva de *(uilla) Waltarii, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola") chamado Waltarius, nome de orixe xermánica.

A BARCIA
(Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
Unha "barcia" é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río.
Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo proximo a río" (cf. aquí), e despois pasou a significar "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos se este é o caso.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A BORNEIRA (Fazouro)
Este toponimo ten unha orixe prerromana, moi probablemente na raíz indoeuropea *bher- 'bulir, ferver, inchar, upar', o cal encaixa neste caso desta punta costeira. Indicaría, por tanto, algo similar a "lugar de auga escumante". Hai tamén outra "A Borneira" en Cangas, tamén correspondente con outra punta costeira, o mesmo que "Borneirón", tamén en Cangas. Así mesmo na costa de Muros atopamos outra "Punta Borneira". Hai ademais unha "Praia da Borna" en Moaña, así como un "Bornalle" en Muros, tamén con praia.
O sufixo -eira indícanos que o nome borna se mantivo como apelativo ata o comezo da romanización.
Deste radical *bher-, tal como indica Martínez Lema, derivaría o tema *born-, con extensión -n-, que Dauzat identificara como*borna 'fonte, manancial' (cf. pp. 125-127 de A. Dauzat "La toponymie française", 1946), presente en topónimos como os italianos Borno, Bornate e Bornasco, o español "Bornos" (Cádiz) ou nomes de ríos franceses como La Bourne, La Borne, Le Bornain, Le Bornan(t) ou La Bornue, entre outros. Cf. P. Martínez aquí.
Alternativamente, tamén segundo Martínez Lema, tampouco se pode descartar a orixe na raíz indoeuropea *bhereu- 'ferver'.


A CARREIRA (Cangas)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

A CASILLA (Fazouro)
O nome "casilla", é un castelanismo por "caseta", "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852.
É un topónimo moi extendido en Galiza, e que, en moitos dos casos, tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

A CERNADA (Vilaronte)
O termo "cernada" vén de *(terra) cinerata. Significaría, portanto, "a terra queimada", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza, nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" Vicente Risco, "Terra de Melide".

A CERNADELA (Cangas)
Diminutivo de "cernada". Ver "A Cernada".

A CHAVE (Cordido)

Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Elucidário). 

A  CONGOSTRA DO CURA (Foz)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo".
A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. aquí.

A CORTIÑA (Cangas)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e cohorticulum ‘cortello’.
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COVA DO VISO (Cangas)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí.

A CROA (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

A ESMOUCADA (Cangas)
O verbo "esmoucar" indica "podar, escornar". Unha "esmoucada" é un labor de poda. Indicaría, por tanto, unha finca onde se levou a cabo unha poda de árbores.

A ESPIÑEIRA (Vilaronte)
Lugar onde abundaban as árbores chamadas "espiños".

A FANEGA (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "fanega" designa unha medida de capacidade. Antigamente tamén designaba unha medida de superficie. Indicaría, por tanto, un terreo que ocupa unha fanega de superficie ou que é capaz de dar unha fanega de trigo ou doutro cereal.

A FOLGOSA (Santa Cilla do Valadouro)
Terra onde abundan (abundaban) os felgos.

A FORCADA
(Santo Acisclo do Valadouro)
Posiblemente relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

A FRAGA DE FONTAO (Fazouro)
Este "Fontao" probablemente proceda de fontanu, derivado do latín fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería derivado do nome  dun posuidor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles)..

A GORGORIA (San Martiño de Mondoñedo)
Orixe incerta. Podería ser unha deturpación de "gorgoira" ("gorxa"), ou estar relacionado co gorgullo dos mananciais.
Seguindo a Bascuas, proviría do tema paleoeuropeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar", e explica o significado oposto de "agromar, brotar" polo cruce coa raíz *bhorw- ‘bulir’. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Altenativamente, pode ter orixe na base *borb- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
De *borb >gorg, do mesmo modo que vulpe> golpe, suevos>suegos.
Por outro lado, si podemos descartar unha orixe cercana no tempo, derivado de Gregoria, no senso de "terra de Gregorio", pola existencia do topónimo "A Gorga" en Muras, que xa non tería explicación.

Existe, tal como indicado, unha "A Gorga" en Muras (cf. aquí), así como outra "A Gorgoria" no Vicedo (cf. aquí).

A GRALLEIRA (Cangas)
O termos "gralleira" e "grallal" indican "lugar onde abundan os grallos". Tamén existe o topónimo "Gralleira" en Burela e "Grallal" en Covas (Viveiro).

A GRANDA (Fazouro, Foz, Vilaronte, Cangas)
O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

A INSUA (Santo Acisclo do Valadouro)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.

A LAMESTRA (Cangas)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama" ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove), "Rego da Lamestra" en Alfoz, etc.

A LOBEIRA (Santa Cilla do Valadouro)
O nome "lobeira" indica "gorida de lobos". Cf. aquí.

A LIÑEIRA (Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "liñeira" é sinónimos de "liñar, terreo onde se cultiva o liño". Cf. aquí.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

A MILLEIRA (Santa Cilla do Valadouro)
O termo podería ser relativo a "cultivo do millo", co sufixo -eira, indicando "lugar onde abunda o millo" ou "lugar que produce bon millo". Esta é a interpretación sostida por varios autores (cf. e.g. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa".1977). Ao ser un topónimo antigo, podemos supor que "millo" refere ao "millo miúdo" ou "paínzo", e que se viña cultivando en Europa desde a antigüidade, e era o que se chamaba "millo" antes de ter chegado o millo da América.
Alternativamente, podería derivar do latín miliaria, marco nas calzadas.

A OLA (San Martiño de Mondoñedo)
O nome deste entrante costeiro probablemente deba interpretarse, tal como indica Piel, como derivado do latín ollam 'ola', no senso de "remuíño" ou "escavación en forma de caldeira ou fondo de ola". Cf. p. 333 de J. Piel, "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.
Alternativamente, tampouco se pode descartar que esteamos ante un castelanismo por 'onda'.

A PASADA (Santo Acisclo do Valadouro, Vilaronte), A PASADA VELLA (Cangas)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Barreiros, en Mañón, en Viveiro, en Muras, etc.

A PIMPINA (Cangas)
Probablemente relacionado con "pimpela", unha canle ou cano feita para que corra a auga (para que pingue). O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta interpretaciónparece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.
Neste caso é unha zona de prados, o cal reforza novamente esta hipótese.

Dada a frecuencia de fontes chamadas "Pinpín", podemos descartar que teña relación coa acepción de "pimpín" no dicionario como "pintaxildo", un paxaro: non teria sentido a sua frecuencia nin tampouco a súa aparición exclusiva en nomes de fontes.


A RAÑADOIRA (Cangas)
O mesmo que "rañadoiro" 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. aquí.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.

A REGA (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea" *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas aquí.


A RESTREBA (Cangas)
As "restrebas" son as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

A RILLEIRA (Cangas)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén "respaldo do escano". Cf. aquí.

A ROZA LONGA
(Cordido), A ROZA VELLA (Cangas)
O termo "roza", do latín ruptia, refere a un "(monte da) roza", monte que se rozaba e cavaba para cultivalo con trigo ou centeo".

A RÚA (Cangas, Vilaronte)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue. (cf. e.g. E. Rivas Quintas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982.

A SEARA (Cordido), A SENRA (Santo Acisclo do Valadouro, Nois)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma sénara.

A SILVAROSA (Vilaronte)
Podería indicar un "lugar onde abundan as silvas". Aínda que os dicionarios non rexistran este termo, pois o habitual sería "silveira" ou "silveiral", si rexistran "silvaral", polo que silvarosa quedaría igualmente explicado, sendo ambos, -al e -osa, dous sufixos abundanciais.
Tamén hai, por outra banda, razóns para atribuírlle unha orixe no latín "Silva hederosa", "bosque con hedras". De feito, na Fonsagrada, existe un "Silvadrosa", moi probablemente con esa orixe (cf. Piel).

Hai outra "A Silvarosa" no concello de Viveiro.

A TELLADA (Fazouro, Vilaronte, Santa Cilla do Valadouro)
Topónimo derivado do baixo latín tegulata. Podería indicar o obvio significado de "casa tellada", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza". No entanto, "Tellado" é interpretado en xeral como "lugar abandonado e repoboado": xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas.

A TELLEIRA (San Martiño de Mondoñedo, Fazouro, Cordido)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A TRAPA (Santa Cilla do Valadouro)
Segundo o dicionario, pode ser unha pequena porta ou abertura que se pecha cunhas táboas, coma a que comunica o sobrado co faio. Pequena madeira, accionada por medio dun largueiro, para cortar a agua do muíño. Cf. aquí.
Podería indicar o lugar onde se puña unha trampa para cazar animais.

A VEDREIRA (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 


A VELOSA (Santo Acisclo do Valadouro)
Probablemente
procedente do adxectivo (terra) *abellanosamRivas Quintas considera o homófono O Beloso de Marín “tema escuro” e dá como posibles étimos *bel- / vell- ‘bo’, *bela, belesa ‘herba narcótica’, *bel ‘negrura’ (cf. E. Rivas "Toponimia de Marín", in anexo 18 de Verba. 1982).

A ACAROADA (Cangas)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. aquí.

ALAMPARTE (Cangas)
De "alemparte", un adverbio arcaico co significado de "da outra banda, do outro lado", aplicado a terreos e lugares, posiblemente "ao outro lado do río".

ALTO DE CORVELLE (Fazouro)
Probablemente derivado de Corvelli, forma en xenitivo do nome dun antigo posuidor Corvellus, nome de orixe latina.

AMEIRAL (Cangas, Fazouro)
Probablemente de "Amieiral", lugar onde abundan os "amieiros" ou ameneiros.


AMEIXÓN (Fazouro)
O nome "ameixón" podería estar relacionado co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas, as galiñas, etc). O feito de se referir neste caso a un outeiro, parece confirmar esta hipótese.

Aínda que menos probábel ao ser nun alto, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se hai regatos na zona, lugar onde abundaba o "meixón" (a cría da anguía).

AMIDO (Fazouro, Nois)
Lugar onde abundan os amieiros ou ameneiros.

AREA BRAVA (Cangas), AREA LONGA (Cangas, Fazouro)
Antigamente, "area" significaba tamén "areal", "praia", aínda que esta acepción xa se perdeu pola introdución do termo "praia".

ARNELA (Fazouro)
Ver "A Arnela".

AS BARCIAS (Cordido)
Ver "A Barcia".


AS CARAMBELAS (Cangas)
Tendo en conta que se trata dun coído, o topónimo está relacionado co apelativo "carambela", un tipo de crustáceo.
A etimoloxía posiblemente do latín *cammarella, como diminutivo de cammărus.

AS CARBALLAS (San Martiño de Mondoñedo)
Lugar con carballas. Unha "carballa" defínea o dicionario como carballo grande, centenario.


AS CEGOÑAS (Cordido)
Este topónimo, que dá nome a unha zona de prados, trátase posibelmente dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.

A priori poderíamos pensar no apelativo común "cegoña", do latín ciconia, no senso de "lugar de prados no que pousan as cegoñas". No entanto, tendo en conta a existencia de catro "Fonte Cega" neste mesmo concello de Foz, así como do "rego Cego" na mesma freguesía de Cordido (e na Capela, en San Sadurniño, en Moeche), así como o feito de que este "As Cegoñas" é unha zona de prados, cremos que estamos seguramente fronte a unha serie de hidrónimos dunha mesma orixe.

O filólogo E. Bascuas estudou o caso de "Fonte Cega", "río Cego", e interpretounos como cunha orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou tamén *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Aínda que Bascuas non tratase este topónimo "Cegoñas", si interpretou outros similares, como o "río Cigüela", sendo formado a partir de *kei-ko-. Nada nos impide, xa que logo, considerar "As Cegoñas" como derivado da mesma forma; neste caso a orixe sería *kei-ko-nya, co sufixo -ny-, presente en moitos outros hidrónimos de orixe paleoeuropea, tales como nos casos de "A Armaña", Bolaña, Saldaña, Aboño, Ledoño, e moitas outras.

É importante notar que esa raíz europea *kei- 'cor escura' parece que se preservou tamén no léxico común: o dicionario de Constantino García recolle en varios lugares a acepción para "cegoña" de "néboa", así como para "ceguñada". Cf "Glosario de voces galegas de hoxe" (1985). A mesma acepción de "néboa" é recollida por E. Rivas en Betanzos. Cf "Frampas" (2001) . Estas acepcións de "cegoña" como "néboa" apuntan, como indicamos, para un significado de "escuro", e reforzan fortemente a interpretación paleoeuropea indicada para "As Cegoñas".

AS CHAVES (Fazouro)
Ver "A Chave".

AS CORUXEIRAS (Nois)
Unha "curuxeira", literalmente "lugar onde abundan as coruxas", designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

AS COVELIÑAS (Cangas)
De "Covelas", diminutivo de "cova", ben no sentido de "furada", ben no sentido de escavación ou sepultura.

AS CROAS (Cordido)
Ver "A Croa".

AS ENGROBIAS (San Martiño de Mondoñedo)
Unha "engrobia" ou "engroba" é un desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros. Cf. aquí.

AS ESTREMADAS (Santo Acisclo do Valadouro)
De "as (fincas) deslindadas". Derivado de "estremar" no senso antigo, de "separar, deslindar". Cf. dicionario de Eladio Rodríguez aquí.

AS FORCADAS (Cangas, San Martiño de Mondoñedo)
Ver "A Forcada".

AS GOLPEIRAS (Santo André de Boimente), AS GOLPILLEIRAS (Cordido)
Unha "golpilleira" ou "golpeira" é un covil de "golpes" ('raposos').

AS GORMALLAS (San Martiño de Mondoñedo)
O lugar correspondente a este topónimo atópase nunha zona de prados.
Posiblemente da mesma orixe que "gromedoiros", de "gromar", agrumar.
Cremos que é probable a súa procedencia da forma prerromana *borm- ’fonte, manancial’, a partir dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
O paso de *bormallas >gormallas sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
Alén do anterior, a existencia do verbo galego "bormar" 'vomitar' (cf. aquí) parece reforzar esta hipótese de relación con "borbotar".

Unha interpretación alternativa sería en liña coa indicada por Bascuas para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Existe un "Gormedoiros" en Cabanas e "O Gormedoiro" en Chavín.

Finalmente, tampouco podemos descartar a solución simple, de *"As agras de mallas", tal como se rexistra a orixe nun "agro meán" para "Gormeán".

AS LAGAS (Cangas)
O termo "laga" significa "remanso no río", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'".

AS LAMESTRAS (Cordido)
Ver "A Lamestra".

AS LANTOIRAS (Cangas)
Este topónimo é moi probablemente de orixe prerromana, en concreto paleoeuropea, e sería un composto incluíndo o tema *lant-, do proto-indoeuropeo *lento- 'flexible, combado' (cf. aquí). O elemento -oira posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga (a mesma orixe que autores como E. Bascuas asignan a topónimos similares, como o río Ouro, cf. "Río Ouro").

Entre moitas interpretacións, poderíamos aventurar un significado de "río curvo".
A orixe paleoeuropea fica bastante clara se reparamos na existencia doutros topónimos con esta raíz, como por exemplo "Lantoño"(parroquia na prov. de Pontevedra), que inclúe o sufixo -oño, frecuente na toponimia paleoeuropea galega.

Por outra banda, tampouco podemos descartar que derive de *"Nantoiras", pois a sustitución do "n" inicial por "l" acontece noutros topónimos galegos similares. Se este for o caso, podería ter unha orixe céltica en*nanto- 'corrente, val'. Deste modo, "Lantoiras" tería orixinariamente un significado similar a "río do val".

AS MOAS
(Fazouro)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño".

AS PAGÁS (Cordido)
O dicionario define "pagá" como "castaño novo, sen enxertar". Cf. aquí. O castaño era unha árbore moi importante antigamente, o seu fruto constituía un dos alimentos básicos indispensábeis do nosos antepasados, antes da introdución da pataca. Para que dese un bon fruto tiña que estar enxertado. No caso contrario, metafóricamente como as persoas que non estaban bautizadas, chamábaselle ‘pagás’.

Alternativamente, podería estar relacionado co lugar da ermida de Santo Estevo da Pagá, en San Miguel de Reinante. Esta capela está rexistrada en 1128 como S. Stephanus de Pagadi (cf. aquí).

AS QUEIMAS (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar onde houbo "queimas", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza, nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Ver "A Cernada".

AS RENDAS
(Fazouro)
Podería indicar o pago dunha renda ou foro, ou tamén podería provir do latín ranetam, lugar onde abundan as rás. Cf. e.g. p. 232 aquí.

AS SORTES (Cordido)
Unha "sorte" sería unha propiedade resultante dun reparto ou fraccionamento dunha terra maior adquirida.
Analogamente, os topónimos "Sortes" en Portugal foron interpretados como 'divisões da propriedade rústica' (DOE, p. 1365). É derivado do latín sors, sortis ‘sorte ou capital de investimento’, que en romance adquiriron un senso de ‘parcela de terra’. En Cataluña son tamén abundantes os topónimos Sorts, Sortanella.

AS TALAIAS (Fazouro)
Forma deturpada de "As Atalaias". Ver "A Atalaia".

AS TEIXOEIRAS (Santo Acisclo do Valadouro, Nois)
Lugar onde abundan as árbores chamadas "teixos". Alternativamente, lugar onde hai "porco teixos", "teixugos".

AVESADA (Fazouro)
Composto de "A Vesada", do latín terra versata "terra virada", de versu ‘rego aberto polo arado’ e de versare ‘virar, voltear’.

BAER (Santa Cilla do Valadouro)
De *(agru) Valerii, dun posuidor chamado Valerius, nome de orixe latina. Alternativamente, de *(agru) Baderii, dun posuidor chamado Baderius, nome tamén de orixe latina.
O máis probable é o primeiro caso, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos onde non se perdeu o "-l-", tal como en Asturias. De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

BARBAS (Santa Cilla do Valadouro)
O termo "barba" parece provir da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial'. Cf. aquí, p. 804. No caso que nos ocupa, é unha zona de prados, polo que parece reafirmar esta interpretación.

Existe múltiples exemplos de topónimos probablemente relacionados coa forma*barb- que apoian esta hipótese. Un exemplo significativo é "O Barbadal", indicando unha boca da ría, en Foz. Noutros lugares atopamos, por exemplo, "Riobarba" (O Vicedo), "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña, Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña. En Ourense. Barbantes, A Regada da Bárbora, O Barbañicas. Na prov. de Pontevedra Río Barbeira.

BARBEITO (San Martiño de Mondoñedo, Fazouro), BARBEITOS (Santa Cilla do Valadouro)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BARCIAS DE CASTAÑEDO (Fazouro), BARCIAS DE SANTO ANDRÉ (Fazouro)
Ver "A Barcia". Canto a "castañedo", é transparente, "lugar onde abundan os castiñeiros".

BARGADO (Xuances -lugar de Pereiraboa)
Probablemente de "finca cercada por bargos". Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas. Neste caso reflexaría, xa que logo, unha finca chousada con bargos.
A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

BARRACIDE (Santo Acisclo do Valadouro, Santa Cilla do Valadouro)
O topónimo "Barracide" reflexa unha pronuncia relaxada de "Barracido", co sufixo abundancial -ido, que indicaría "lugar con abundancia de barro". En efecto, existe o topónimo "Barracido" en Ares e "Barracedo" en Pedrafita. A pronuncia -ide é unha pronuncia relaxada típica na Mariña Central e Oriental, tal como ocorre en múltiples casos do concello como "Sacide", Pedride", "Ladride", ou tamén "Mexilluíde" (Xove).
Polas razóns anteriores, cremos totalmente improbábel a orixe nun "Barra Citi", onde Citi sería a flexión en xenitivo de Situs, forma romanizada do árabe Sîd 'señor', á súa vez derivado de Sayyid.

BARRIO DE XINZO (Vilaronte)
Ver "Xinzo".

BATÁN (Cangas)
Do latín battere 'bater, golpear'. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BAZOI (Vilaronte)
Probablemente de (uilla) Bazonii, forma en xenitivo de Bazonius ou Bazonus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

BIDUÍDO (Vilaronte)
Lugar onde abundan os bidueiros.

BOUZABOA (Santa Cilla do Valadouro)
"Bouzaboa" é composto por aglutinación do adxectivo "boa" e do substantivo "bouza". Cf. C. Pérez Capelo, "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015.
Canto a "bouza", comunmente refere un 'terreo inculto poboado de mato, como toxos, xestas, uces etc.' (cf. bouza no DRAG).

BREA (Nois)
Brea pode ter varias orixes e significados, pero probablemente neste contexto signifique "vrea" ("verea", "vereda").

BULLA (San Martiño de Mondoñedo)
Probablemente, de orixe prerromana (da raíz indoeuropea *wel- 'virar') con significado similar a "bulleiro" 'sitio pantanoso ou onde nace a auga'. Cf. aquí.

BUQUEIRA (Nois)
A "boqueira" designa a entrada a unha finca que está cercada. A boqueira costuma estar pechada cunha cancela.

CACHEIRAS (Santa Cilla do Valadouro)
O nome "cacheiro", de "cachar" 'cavar', ten varias acepcións:
Podería estar relacionado con "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo" . Di Sarmiento: "Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin".
Outra acepción rexistrada sería a que se usadactualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".

CACHÓN (Fazouro)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

CÁDAVOS (San Martiño de Mondoñedo)
Os "cádavos" son os "cepos dos toxos que permanecen en pé nun toxal queimado". Cf. aquí.

CADEROI (Cangas)
Probablemente o nome desta poboación derive de *(uilla) Cataroni, forma en xenitivo de Cataronus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Aínda que este nome persoal non estexa documentado en Galiza, si o está no sur Franza no século XI (cf. aquí).

CADOIRA (Cangas)
Unha "cadoira" neste contexto (zona de prados) posiblemente sexa sinónimo de "cadoiro" 'caída de auga', o mesmo significado de "fervenza, cascada, cachón".

CAELLA (Santa Cilla do Valadouro)
O mesmo que "cale"/canle, tanto no senso de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
Noutras zonas chámase "quella" (con grafía quelha en portugués), así como "quenlle" e "quenlla".

CAIZAL (San Martiño de Mondoñedo, Foz)
Un "caizal" ou "cainzal" indica abundancia de "caínzos".
Un caínzo é un "tecido de canas ou varas", tanto na acepcion de "onde se secaban as castañas" como na do "tecido" que compuña as tañeiras do carro, etc.

Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais. No caso que nos ocupa de "caizal", podería indicar, por extensión, un "canaval", terreo onde abundan as "canaveiras".


CAMBELA (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "cambela" é un pau retorto. Por extensión, un arado antigo.
Unha orixe alternativa sería do diminutivo de "camba".
Podería neste caso corresponder co alcume de antiga propietaria (ou propietario: "O da Cambela").

CAMIÑO DO PERILLÁN (Fazouro)
O apelativo "perillán", segundo o dicionario, é sinónimo de "pillo, pillabán". Indicaría, por tanto, o alcume do posuidor das terras circundantes ou destinatarias do camiño.

CAMPO DE VAO (Fazouro)
Un "vao" é un paso, xeralmente de río, e en particular en sitios de pouca profundidade nos ríos, polo que se pode pasar dun lado ao otro ("vadear").

CAMPÓN (Fazouro, Nois)
Prado de secaño de moita extensión. Cf. aquí.

CANCELA DA BREA (Nois)
Probablemente neste contexto signifique "Cancela da Vrea" ("verea", "vereda").

CANDAEDO (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "candedo" indica un garabullal, un lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).

En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, Candaira, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDAIRA (Nois), CANDIEIRAS (Fazouro)
De "Candaeira", abundancial de "cando", o mesmo que "Candaedo" e "Candaoso". Ver "Candaedo".

CANDORCA (Fazouro)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza.
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca".
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí).  Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando".

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" ('barranco profundo'), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".
En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo . Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.

CANGAS (Cangas)

Costa de Cangas
Posiblemente teña un significado de "vale cerrado entre dúas alturas", metaforicamente asociado ao apelativo "canga" 'xugo'. Este significado aínda se conserva para o apelativo "canga" en Asturias Cf. aquí.

Nun documento galego de 1218 é usado para se referir a dúas lombas contiguas, non ao espazo entre elas: “quomodo vadit per inter ambas Cangas”=“seguindo por entre as dúas lombas”. Cf. Onnega aquí.

O dicionario define "canga" como "xugo", e tamén como "pau atravesado nun camiño, que dificulta o tránsito", "pau en forma de gallo, na parte dianteira do chedeiro, que ten como finalidade evitar que a carga do carro caia sobre os animais que tiran del" Cf. aquí.

Hai moitos "Cangas" por toda a xeografía galega e asturiana. O topónimo Cangas de Asturias aparece documentado en 883: “Primum in Asturias Pelagius regnauit in Canicas”.

Para Cabeza Quiles provén dunha raíz céltica *cam(b)- 'curvo', e o mesmo para Almeida Fernandes, que considera Cambeses e Cangas como variantes dun *camb- topográfico prerromano, significando elevación redondeada. A forma documentada Canicas sería, por tanto, unha latinización dun topónimo orixinal prerromano *Cangas. Cf. Onnega aquí.

Alternativamente, podería derivar do latín canna, do que podería ter derivado o castelán cañada, “espazo de terra entre dúas elevacións próximas”.

CARDOXE (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente de *(uilla) Cardosii, forma en xenitivo de Cardosius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

CARÍN (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente de (uilla) Carini, forma en xenitivo de Carinus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

CARPACIDE (Nois)
O mesmo que "carpacido", indica lugar onde abundan as plantas chamadas "carpaza". O abundancial en -ide é relativamente frecuente nesta zona, así "Mexilluíde" en Xove. Cf. aquí.

Alternativamente, sendo o nome dunha casa illada, pódese hipotetizar unha orixe en "Casa Paciti", forma en xenitivo de Pacitus, nome do antigo posuidor, nome de orixe latina. A simplificación e rotacismo Casa>Car- non sería excepcional, aínda que si infrecuente.

CARRACEDOS (Cordido)
Indica lugar onde abunda a planta chamada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".

CARRÁS (Vilaronte)
Plural de "carral", 'camiño de carro'.

CARTAS (Santa Cilla do Valadouro)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas, atopamos igualmente os topónimos "As Tercias" e "As Quintas".
En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e "As oitavas". "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos. "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido,
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.

Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

CASTELO DO CAGAZAL (Foz)
Este topónimo está asociado a un pequeno illote preto da costa.
O termo "castelo" indicaría a forma elevada do illote. En canto a "cagazal", aínda que os dicionarios de galego non recollen, os de portugués si recollen "cagaçal", como 'lugar onde se acumulan excrementos'. Neste caso, indicará, por tanto, un illote alto onde aniñan as aves, razón para tal acumulación de excrementos.

CATAROU (Santa Cilla do Valadouro)
Existe outro "Catarou" en Viveiro, o cal probablemente corresponda co referido nun documento en latín de 1166, xa grafado "Catarou".
O topónimo "Catarou" probablemente teña unha orixe pre-latina, nun elemento *kat(t)-. Ver entrada do blog específica para máis detalles.

Existen outros topónimos "Catarou" no Aparral (As Pontes), así como un "Catarón" en Sobrado.
Nicandro Ares, para o de Viveiro, aínda asignándolle orixe descoñecida, indica a hipótese dun apelido, e cita o exemplo de "Domingo de Catarrón" (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega"). Sen descartar totalemente esta hipótese, semella improbábel a evolución en galego de Catarrón para Catarou.

CERCA DA BREA (Nois)
Ver "Brea".

CERRADO DE REIMUNDE (Vilaronte)
Posiblemente de *(agru) Ranimundi, forma en xenitivo de Ranimundus, o nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica.

CERRADOS DO CANDO (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí). Abondan, así, os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no latín candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando".

CHAO DA AZUREIRA (Santo Acisclo do Valadouro)
Unha "azoreira" é un lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. aquí.

CHAO DA SENRA (Nois)
Ver "A Senra".

CHAO DE LOURIDO (Santo Acisclo do Valadouro)
Un "lourido" é un lugar onde abundan os loureiros.

CHAO DO FOXO (Fazouro)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras". 

Por tanto, neste chao talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova.

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo" con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, mentres que foso = port. fosso, cast. foso) .

CHAO DOS CAÍNZOS (Fazouro)
Un caínzo é un "tecido de canas ou varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un caínzo, referiría ás veces en toponimia, por extensión, un hórreo feito de canas.

CHAVES (Cangas)
Ver "A Chave".

CHELAS (Cangas, Nois)
De "(agras) chaelas", onde "chaela" é o diminutivo de "chá" (plana).

CINTOLEIRA (Nois)
O nome deste con é transparente, indicando a abundancia de "cintolos" (centolos), ou propicio para a súa captura.

COCHÓN (Santa Cilla do Valadouro)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco"). Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.

COCHÓS (Santo Acisclo do Valadouro)
Plural de "cochón". Ver "Cochón".

CORGOS (Nois)
Topónimo de orixe prerromana. Posiblemente significa "canos polos que escorre a auga". O apelativo "corgo" ten, segundo o dicionario, varios significados: 

  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas. 
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. 
Cf. aquí.
Sendo neste caso unha poza, a acepción parece ser a primeira delas.

CORTIÑA (Nois), CORTIÑAS (Vilaronte)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e cohorticulum, ‘cortello’.
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

COSTOIRA (Santa Cilla do Valadouro)
O termo "costoira" provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, pódese ver este blog >> aquí.

COVELAS (Fazouro)
Diminutivo de "cova", quer no sentido de "furada", ou no sentido de escavación ou sepultura.

COVELO (Nois)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

CUCHAREGO (Nois)

Podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
O dicionario de Carré define cucharego como “leira pequena dedicada a leña ou a prado” (cf. aquí).
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, como en Alfoz, Barreiros, no Valadouro, no Vicedo, en Muras.

ENTORNADOIROS (Fazouro)
Derivado de "entornar" (envorcar); o dicionario de Aníbal Otero define "entornadoiro" como "Sitio nun camiño perigoso para volcar un carro" (cf. aquí).

ESCANLAR (Vilaronte)
Probablemente abundancial de "escanla", do latín scandulam 'trigo candeal', indicando terreo plantado con escanla ou terreo que produce boa escanla. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011.

ESCOURIDO (Cordido)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").

ESPASANTE (Vilaronte)
De (agru) Spasandi, finca dun antigo posuidor chamado Spasandus.

ENTREBAUS (Nois)
Composto de "Entre Vaos". O apelativo "vao" é definido polo dicionario como "lugar dun río por onde se pode atravesar a pé".

FAZOURO (Fazouro)
De "Foz Ouro", a "foz" ('sitio onde un río entra no mar') do río Ouro. Ver "río Ouro". Aparece atestado nun documento de 1128 como "Foce Aurio" (cf. aquí).

FERRADÁS (Cordido)
Plural de "ferradal". "Ferradal" é frecuente na toponimia galega, e parece indicar un abundancial relativo a ferrado (medida de capacidade) ou similar.

FERRAGUDE (Vilaronte)
Posiblemente, pronuncia relaxada por "Ferragudo".
Canto a "Ferragudo", probablemente teña orixe en "Ferro Agudo", alcuña atestada xa desde o século XIV (cf. J. Machado, "Dicionário Onomástico Etimológico da Língua Portuguesa").


FERREIRAVELLA (San Martiño de Mondoñedo)
Composto de Ferreira Vella. O termo "Ferreira", provén do latín ferraria '‘mina de ferro'.

FOLGUEIROSA (Cordido)
O mesmo que "folgosa", "terra onde abundan os felgos".

FONTAO (San Martiño de Mondoñedo, Fazouro)
O nome deste núcleo de poboación  posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa"). 
Outra posibilidade sería derivado dun posuidor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).

Tanto neste caso de San Martiño de Mondoñedo, como no "Fontao" de Burela, como o de Viveiro, etc, son topónimos de núcleos de poboación, polo que a segunda hipótese semella probable.

FONTE CEGA (Cangas, Fazouro, Nois, San Martiño de Mondoñedo)
Hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no senso de fonte "atascada, atrancada, tapada".
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos "cegos" que atopamos. Na bisbarra, ademais atopámolo en Mañón, así como unha "Congostra Cega" no Valadouro (nunha zona de prados), ou o "Rego Cego" en Cordido.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.
O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta. En efecto, E. Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

FONTE DE ANIDE (Cangas)
O topónimo "Anide" reflexa unha pronuncia relaxada de "Anido". Esta pronuncia relaxada é típica na Mariña Central e Oriental, como ocorre en múltiples casos como "Sacide", Pedride", "Ladride", "Mexilluíde" (Xove).
O topónimo "Anido", frecuente na Mariña, ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.
Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are).

É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".

Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí). Non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.

FONTE DE BARBAS (Santo Acisclo do Valadouro)
A orixe de "barba" parece provir da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial'. Cf. aquí, p. 804.
Existe múltiples exemplos de topónimos probablemente relacionados coa raíz *barb- que apoian esta hipótese. Así, por exemplo, na prov. de Lugo "Riobarba" (O Vicedo), Rego de Barbadelo (Sarria), Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), A Regada da Bárbora, Río Barbeira.

FORXÁN (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froia, correspondente ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), con nome de orixe xermánica.

FOZ (Foz)
Termo derivado do latín vulgar foce (baixo latín fauce 'gorxa, paso estreito', do latín clásico faux).
O dicionario define "foz" como "sitio onde un río entra no mar ou noutro curso de auga".

Figura atestado como "Santiago da Foz" no "Censo de Pecheros" de 1528, coa presenza do artigo, que confirma máis aínda, se couber, a orixe indicada.


FRAGALIÑA (San Martiño de Mondoñedo)
Cremos que deriva de "Fraga Galiña", do mesmo modo que existe unha "Fraga das Galiñas" en Alfoz.
Aínda que podería referirse a algunha lenda sobre galiñas, en xeral, os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, en moitos dos casos non se dan tais formacións rochosas.

FRANQUIÑA (Vilaronte)
Posiblemente de (uilla de) Frankila, o antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola") , nome de orixe xermánica. A evolución tería sido Frankila > Frankia > Frankiña. A aparición do -ñ- non tería sido nada infrecuente, senón similar a múltiples casos, tais como e.g. Fefiñáns (<Fafilanis), "miña < mia. No entanto, é  apenas unha hipótese, ao non dispormos de documentación antiga deste topónimo.

GOLMAR (Nois)
Posiblemente de (agru) *Golmari, forma en xenitivo de Golmarus. Este topónimo foi estudado por J.  Piel e Kremer, e deixan con interrogante esta hipótese de *Golmarus.

GONZALVO (Cangas)
Nome de casa illada. Dun antigo posuidor chamado Gonzalvo ou Gonçalvo, nome de orixe xermánica.

GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

GRANDELA (Cordido)
Derivado de "granda", usando o antigo sufixo diminutivo "-ela". Ver "Granda".

INSUAS (Fazouro)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a illa ou península formada nun río, ou simplemente un "terreo situado entre dous ríos"

INXERTOS (Fazouro)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros.

LADRIDE (Fazouro)
Abundancial de "Ladra". Existen múltiples "Ladrido", "Ladredo" e similares, que non terían sentido como derivados de "ladra" ou "ladroa", senón probablemente unha forma prerromana.
Considerando o anterior, cremos axeitada unha orixe na raíz prerromana *lat-r-, posiblemente céltica, derivada do proto-indoeuropeo *lat- 'pántano, lameiro, lama', o mesmo que ocorre no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera.

LAMESTRA (Santa Cilla do Valadouro)
Ver "A Lamestra".

LEIRAS DA CAXIGOSA (O Valadouro)
Unha "caxigosa" é o mesmo que "caxigal", terreo onde abundan os caxigos. Cf. aquí.

LELLE (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Laelii, forma en xenitivo de Laelius, o antigo posuidor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

LIÑEIRAS (Fazouro)
Ver "A Liñeira".
LOUSADA (Fazouro, Santa Cilla do Valadouro)
Este topónimo pode que derive do feito de haber unha casa lousada (con tellado de lousa), ou tivo a orixe nunha casa lousada. Isto sería similar ao caso dos topónimos "A Tellada" (Foz) para lugar con casa(s) de tella. Tamén existe "A casa Lousada" en Muras, e "Calousada" (<Casa Lousada) en Xermade, que parecen confirmar esta hipótese. Ademais, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común.

O teito de lousa tiña a vantaxe de menos mantimento que o de palla: as pallazas precisaban renovar o teito de cada 15 anos aproximadamente.

Tampouco se pode desbotar que refira a un lugar onde abunda a lousa, coberto de lousas ou laxes delgadas de pedra ou xisto.

LOUSIDO NOVO, LOUSIDO VELLO (Cangas)
Lugar onde abundan as lousas.

MADROI (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar dun antigo posesor chamado Matroi, nome de orixe xermánica.

MALATES (Foz)
Talvez relacionado con "malatos" (posiblemente "enfermos de lepra").
Alternativamente, de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *mel- 'aparecer, emerxer'. Para máis detalle, ver >>aquí.

MANSÍN (Santa Cilla do Valadouro)
De *(uilla) Mansini, forma en xenitivo de Mansinus, indicando o nome do antigo posuidor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.
En efecto, tería a mesma raíz que Mansoi, para o cal J. Piel interpretou como de orixe xermánica, aínda que formado coa raíz *mans-, que derivaría do adxectivo latino mansus. Cf. p. 39&40 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V.

MAÑENTE (Vilaronte)
De (uilla) Magnentii, forma en xenitivo de Magnentius, nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola").

MARTÍN (Santo Acisclo do Valadouro)
De (uilla) Martini, forma en xenitivo de Martinus, nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

MARZÁN (Foz)
De (uilla) Martiani, forma en xenitivo e Martianus, nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.

MEAO (Cangas, Nois)
De "(lugar) meao". O termo "meao" era a forma medieval por "mediano", "do medio". Por tanto, este topónimo indica "lugar do medio", pola súa situación entre dous determinados lugares.

MEILÁN (Nois)
De (uilla) Manilani, forma en xenitivo de Manila, nome do antigo posuidor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

MEXABOR (Vilaronte)
Orixe incerta. Tratándose dun núcleo de poboación, podemos aventurar unha orixe en "Mansio Avioli", forma en xenitivo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posuidor da mansio ("casa, taberna").
Talvez fose o mesmo posuidor Aviolus que os dos lugares veciños de Vilabor (< *uilla Aviolus), así como o de "Penabor" (< pennam Aviolus) e de "Fontabor" (< fontem Aviolus) en Cabarcos (Barreiros).

MOLEDAS DE ABAIXO, MOLEDAS DE ARRIBA (Cangas)
O termo "moledo", do latín medieval molletum, significa "rochedo, colina" (cf. Du Cange). Aínda que esta acepción non a atopamos nos dicionarios de galego, si se atopa nos dicionarios de portugués (cf. aquí), xunto coa acepción relacionada de "monte, xeralmente cónico, formado por pequenas pedras". O significado en femenino "moleda" sería similar. De feito, na Guarda tamén existe o topónimo "As Moledas", posiblemente coa acepción de Du Cange ("meda, colina").
É un topónimo relativamente frecuente. En Benquerencia (Barreiros) existe a "praia de Moledo", con esta acepción de "rochedo".

MONTE DA GRELA
(San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "grela" é xeralmente derivado de "agrela" 'pequena agra', do latín agrella.

MONTE DAS QUEIMAS (Santa Cilla do Valadouro)
Lugar onde houbo "queimas", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza, nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Ver "A Cernada".

MONTE DO VISO
(Cordido)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí.
MONTE FARO (Nois)
Nome orixinado no latín pharus, do grego Φαρος. Na Idade Media, "faro" indicaba unha cima elevada na que se prendían fogueiras, quer para guiaren os barcos, para se comunicar ou, sobre todo cando son no interior, avisar da presenza do enemigo.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".

MONTES DA GRANDA (Vilaronte)
Ver "A Granda".

MONTES DE LANDEIRO (San Martiño de Mondoñedo)
Probablemente relativo a un antigo posuidor apelidado "Landeiro".
O apelido "Landeiro" tén varias interpretacións:
- podería provir do nome persoal Landoarius.
- alternativamente, relativo a "landeira", para o cal E. Rivas postulou dúas alternativas, unha nun *landaria 'terra chá', a partir do celta *land- 'chao', e a outra en *glandaria 'abundancial de sobreiras ou de aciñeiras'.
- Tampouco podemos descartar unha orixe paleoeuropea (pre-celta), talvez da raíz indoeuropea *lendh- 'terra aberta, campo, landa' (cf. Pokorny, IEW 675), para a que podemos especular unha relación cos topónimos Landro, Landrove, Lanzós.

MORGALLÓN (Fazouro)
O termo "Morgallón" ten unha orixe prelatina.
Podería estar relacionado con "morgallo" ou "murgallo" 'restos de leña ou outros materiais', aínda que non semella probábel.
Tamén podemos rexeitar que derive de "margallón" ('desvergonzado'), pois sería altamente improbable que na toponimia galega abundase máis "Morgallón" (tres ocorrencias) frente un único "Margallón", a forma que nesa hipótese sería a orixinaria.
Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos asignarlle orixe prelatina, máis aínda se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (e.g. F Villar, cf. aquí).
Dese modo, talvez estea relacionado coa raíz hidronímica *mar- / *mor- "auga detida", coherente coa localización dos varios "Morgallón" existentes na xeografía galega:

  • O lugar do Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí
  • Existe outro "Morgallón" en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí
  • Existe tamén un "montes do Morgallón" no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña. 
Alternativamente, o termo "Morgallón" podería estar relacionado coa raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea". Existe un "Cueto del Mogro" en Cantabria, cunha situación bastante análoga (""es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría.."). Para este "Mogro" postúlase esa orixe nos radicais "mor-iko" Cf. aquí.

Porén, a localización do topónimo "Os Morgallós", nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar as hipóteses anteriores prelatinas.

Outra hipótese de orixe prerromana é a de derivar do céltico *morg-, provinte da forma indoeuropea *mereg- "marco, terra na fronteira" (Pokorny, IEW 738). Porén, non parece haber outros nomes derivados desta raíz que parezan confirmar a súa presencia no noso territorio.

É importante remarcar tamén a posible relación etimolóxica cos topònimos "Morgal" en Salas, Asturias, e "Morgovejo" en León, documentado Mogrovelio en 921 (cf. aquí).

MOURE (Fazouro)
De (uilla) Maur(i)i, forma en xenitivo de Maurius ou Marus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

MOURELLE (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Maurelii, forma en xenitivo de Maurelius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

MOURENTE (San Martiño de Mondoñedo, Nois)
De (uilla) Maurentii, forma en xenitivo de Maurentius ou Maurentus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

MOURISCOS (Fazouro)
Interesante topónimo que, ante a falta de documentacion antiga da que dispoñermos, déixanos unha morea dúbidas.
Primeiramente, tratándose dun adxectivo "mourisco", podería referir á cor dos agros.
Alternativamente, podería estar relacionado con agros ou terras pertencentes a un mourisco, un cristiano converso, de orixe musulmá. Habería, incluso, unha posibilidade de relacionar o termo como despectivo para un mozárabe, en relación ás hipotéticas inmigracións de mozárabes para Galiza na Idade Media.
Nesta liña, existen varios "Mourisco(s)" en Galiza, e un Mouriscón en Ambosores (Muras), que parecen reforzar esta hipótese.

Ao non termos documentación antiga, tampouco podemos desbotar unha orixe na raíz prerromana *mar-/*mor- "rocha, altura", e por tanto sen relación co termo "mourisco".

MUÍÑO DE LADRIDO (San Martiño de Mondoñedo)
O mesmo que "Ladride". Ver "Ladride".

MUÍÑO DO MACHUCO (San Martiño de Mondoñedo)
Ver "O Machuco".


MUXILÁN (Santo Acisclo do Valadouro)
Cremos que deriva de *(uilla) Mugillani, lugar dun posuidor medieval desta uilla ("explotación agrícola"), chamado *Mugilla, nome de orixe xermánica.
Porén, non é máis que unha hipótese, ao non dispormos de documentación antiga que o demostre, e ao poder estabelecer alternativamente outras orixes, incluíndo outros antropónimos en acusativo ou xenitivo.

NOIS (Nois)
Este topónimo, xa figura documentado como "Noys" en 1096. 
Figura tamén atestado como "Noys" no "Censo de Pecheros" de 1528, cando tiña 83 "pecheros" (pagadores de taxas), frente aos 33 que tiña Foz daquela.
Segundo a análese de E. Bascuas, derivaría da forma paleoeuropea (pre-céltica) *noigw-ins, da raíz indoeuropea *neigw- 'lavar', a mesma dos topónimos "Noia". Cf. p. 354 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

NOVÁS (Santa Cilla do Valadouro)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova.
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

O ANIDO (Cangas)
O topónimo "Anido" ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría"., in "Estudios Mindonienses". Num 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.
Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are).
É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".

Por outro lado, Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí); non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.

O AMIEIRAL (Santo Acisclo do Valadouro)
Lugar onde abundan os amieiros ("ameneiros").

O BARBADAL (Foz)
O termo "barba" provén da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial'. Cf. aquí, p. 804.
Existe múltiples exemplos de topónimos probablemente relacionados coa forma derivada *barb- que apoian esta hipótese.

En Santa Cilla atopamos "Barbas", unha zona de prados. Noutros concellos atopamos, por exemplo, "Riobarba" (O Vicedo), "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña, Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Río Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña. En Ourense. Barbantes, A Regada da Bárbora, O Barbañicas. Na prov. de Pontevedra Río Barbeira.

No caso que nos ocupa, é unha boca da ría, polo que parece reafirmar esta interpretación hidronímica.

O BARGO (Cordido)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.

O BURGO (Foz)
Do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín. Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000).

O CADAVAL (Cordido, Santa Cilla do Valadouro, Vilaronte)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

O CAÍNZO (Santa Cilla do Valadouro, Vilaronte)
Un caínzo é un "tecido de canas ou varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
No contexto de topónimo, un caínzo tería o significado, por extensión, de "hórreo feito de canas".

O CALVARIO (Cordido, Foz, San Martiño de Mondoñedo)
Posiblemente referidos á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CAMPÓN (varios)
Un "campón" é un prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

O CARITEL (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "caritel" tén certa frecuencia en Galiza, e parece indicar un lugar oque posúe dereitos específicos relacionados coa autoridade, e por extensión ¡, lugar onde se pagou multa dereitos de "caritel", talvez por ter ocorrido nel un roubo ou morte. Xa máis contemporaneamente, indica pago de dereitos de deslinde e colocación de marcos.

Na Idade Media existía o dereito de "caritel", polo que os veciños dun lugar debían pagar unha multa caso de ocorrer no seu distrito un roubo ou asasinato. Porén, "caritel" na documentación medieval, na área galego-portuguesa, tamén parece ás veces presentar, por extensión, un significado máis xeral de "termo, distrito".
Xa Sarmiento estudou este termo (cf. aquí), relacionándoo como topónimo co pago da citada multa, ou ben como expresión metafórica derivada do verbo "caritar", en terreos de penas e escarpados, indicando "cicatrices" no terreo. Esta interpretación foi despois seguida por Rodrigues Lapa (cf. "Fray Martín Sarmiento e o vocábulo caritel", in "Boletim de Filologia" 1, 185-198).

Por outro lado, Paulo Merêa coincide con Sarmiento na acepción de "sinal", aínda que discrepa da segunda interpretación que fai Sarmiento cono "cicatriz" no terreo (cf. "Caritel (a propósito das reflexôes de Fray Martín Sarmiento)", in "Boletim de Filologia Portuguesa", II, 1934). Así, Merêa coincide en que "caritel" procedería de caractellum, diminutivo de caracter (character), pasando a significar un "sinal" ou "marca" (incluso un marco ou pedrón), e daí un selo ou dereito da autoridade.

Sen podermos xulgar cal é a interpretación correcta, semella probábel a interpretación de Merêa, e, pola contra, o senso metafórico de "penasco" parece non encaixar, sendo que a maioría dos topónimos galegos "Caritel" examinados non corresponden a lugares de penascos ou de quebradas.

Nalgúns dicionarios galegos, "caritel" é recollido como "pena que pagaban os veciños dun lugar onde se cometía un roubo ou morte", e tamén "dereitos que pagaba quen solicitaba o deslinde dunha finca". (cf. aquí).

O CASAL (Vilaronte)
Casal, do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, incluíndo casa e dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CATADOIRO (Santo Acisclo do Valadouro)
Podería vir de captatorium, ben de "observación" ou ben de "caza". Existe por exemplo "O Catadoiro" en Vieiro, etc.
Alternativamente, podería ser un termo de orixe prerromana.
Ver entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

O CHIBADOIRO (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García González como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. aquí.

O CIBADOIRO (Nois)
O termo "cibadoiro" semella grafía alternativa de "cebadoiro", o cal ten varios significados:

  • lugar onde se garda a cebada. 
  • Sitio onde se engorda e se ceban os animais. 
  • Sitio no que se acostuma poñer o cebo para para atraer a caza. 
Existe outro "Cibadoiro" en Xove.
A mesma consideración que fai G. Navaza para o topónimo "Acibadoiro", tamén aplicaría neste caso: descartar a súa relación con "acivo", dada a terminación en -oiro, sufixo que indica "actividade, lugar onde se realiza unha actividade".

O COMBARRO (Santo Acisclo do Valadouro)
O termo "Combarro" é unha palabra de orixe pre-romana (*comb- + -arro), e significa "alpendre" en algunhas zonas. Existe tamén o termo "combarreira", rexistrado nas Grañas do Sor, que non ofrece interpretación clara neste senso.
Combar significa "torcer", "encorvar".

O ESCAIRO (Cangas)
O apelativo "escairo" é definido no dicionario como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

O FONTAELO (Santa Cilla do Valadouro)
Diminutivo de "fontao" ou "fontá" 'fonte', co antigo sufixo -elo.

O FOXO (Fazouro, Foz, Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro)
O apelativo "foxo" vén do latín fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias.

Por tanto, neste campo talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel ("valado") do terreo ou tamén a existencia dunha cova.

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Cf. J. Torrente. "Osos y otras fieras en el pasado de Asturias", 1999 e aquí)

O FURCO
(San Martiño de Mondoñedo)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionario Estravis, cf. E. Rivas "Frampas").

O GRANXO (Fazouro, Nois)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte". Cf. aquí.

O INXIL (Santa Cilla do Valadouro)
Probablemente unha falsa segmentación de artigo, cunha orixe en (uilla) Onegildi, forma en xenitivo do nome Onegildus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz *(h)on- e máis -gildus, derivado do gótico *geldan 'valer' (cf. p.339 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

Ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, podería ser que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar fose unha uilla medieval (explotación agrícola).

O LEBOREIRO (Vilaronte)
Referido a lugar onde abundaban as lebres ou coellos.

O MACHUCO (Santa Cilla do Valadouro)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción derivada do latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un antigo martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados).

O MÓGARO (Nois)
O nome deste con probablemente estea relacionado co peixe chamado "mógaro", indicando a abundancia de mógaros nel. É un caso frecuente, igual que "Punta do Monxe" ("munxe"), "Punta Robaleira".
Por outra banda, podería ter unha orixe prerromana, que tamén é asignada ao termo sardo mògoro, "mota, altura, colina baixa", que segundo Pallottino encontra significado semellante no albanés magul e no derivado en romeno magura 'colina isolada; bosque en sitio alto', termos tamén de posíbel orixe pre-indoeuropea. De raíz similar explícase o vasco mokorr ("mota"). Cf. aquí.

Cabeza Quiles propón unha base *mok- ou *muk-, "prominencia, altura" sobre a que explica os dous "Mogor" galegos máis coñecidos. A vila de Mugardos tamén, talvez, podería ter unha raíz similar (non contrastado). Hai tamén "Magoira" en Cedeira, e hai un "Penamacor" (tamén transcrito na Idade Media como "Penamocor").

Ver este artigo de blogue >>aquí para máis detalles sobre "Mogor" e topónimos posiblemente relacionados.

O PIÑEIRO (Santo Acisclo do Valadouro)
O nome deste núcleo de poboación podería ser un fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome.
Alternativamente, podería ter unha orixe no xentilicio Pinarius, nome do antigo posuidor, aínda que o feito de este topónimo levar artigo, parece desbotar completamente esta segunda hipótese.

O PRADIEIRO
(Cordeiro)
O mesmo que "pradairo", unha árbore (acer pseudoplatanus). Este nome deriva do baixo latín platanariu.

O PREGUNTOIRO
(Vilaronte)
O termo "Preguntoiro" é de probable orixe prerromana, cun significado posiblemente similar ao de orixe latina "Promontoiro". Ver >> entrada de blogue específica.

O REAL (Cordido, Cangas)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos, e, sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.

O REGO CEGO (Cordido)
Hidrónimo de orixe prerromana, nada que ver co adxectivo común "cego". Ver "Fonte Cega" para máis detalles.

O SISTO (Cordido)
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria.
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos "Sistelos", "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987

O SOURAL
(Cangas)
O nome deste coído podería ter unha orixe prerromana, paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *ser-, cun significado de "fluxo, corrente". Sería, por tanto, a mesma orixe que no caso do "río Sor" (atestado no ano 747 co nome Saure), e para o que E. Bascuas e outras fontes asignan esa orixe (cf. p. 40 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

O TARANGO (Cordido)
Posiblemente se trate dun topónimo de orixe prerromana.
Os topónimos Tarangón, Taranga, Taranco, Tarancón foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Cf. p. 280 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Existe o topónimo "Os Tarancos" no Viveiró, en Suaschousas, en Galdo, etc.

O TESOURO (Cordido)
Neste caso tén interpretación clara: hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lexendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

O TOMBO (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "tombo" tén varias acepcións. Probablemente, neste caso tén a acepción de "lomba, ribazo", ou tamén a acepción de "tumba".

O VAGO (Fazouro)
De "terreo vago", do latín vacuus " terreo inculto". Segundo o dicionario, "campo labrado, pero baldío, sen fruto". Cf. aquí.
Non ten que ver con "folgazán" nen con "bago" de uvas.

O VEDRAL (Cordido)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta de nome científico amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo" (cf. aquí).

O VEDRÓN (Cordido)
Aumentativo de "vedro". O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo" (cf. aquí).

O VELIÑO (Cangas)
Transcrición alternativa de "O Valiño" 'pequeno val'.

O VILAR (Nois)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla (explotación agrícola, granxa) da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".

Cf. aquí.

O XÁCAMO (San Martiño de Mondoñedo)
O nome deste núcleo de poboación ten unha orixe incerta. Podería ser a transcrición de "Xácomo", nome dun antigo posuidor do lugar, chamado Iacomus, da mesma orixe que Xácome, Xacobo, Iago, ou Sant-iago.
No entanto, levando artigo diante, é menos probable. Podería ser de orixe prerromana, co sufixo átono "-mo", indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo".

O XASTAL (Santa Cilla do Valadouro)
Transcrición da pronuncia común de "xestal", terreo onde abundan as "xestas", co sufixo abundancial "-al".

OIRÍN (San Martiño de Mondoñedo)
A orixe máis probábel para este topónimo sería prerromana paleoeuropea, a mesma que a postulada para o río "Ouro" (ver "Río Ouro"), para a que Bascuas e outros autores asignan na raíz indoeuropea *awer- "fluír", termo (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
De feito, Oirín queda preto do río Ouro.

Nota 26/6/2016: tanto este topónimo "Oirín" como o análogo "Oiriño" (Cerceda) aparecen, en efecto, incluídos por Bascuas (no seu libro póstumo) entre os derivados da indicada raíz *awer-. Cf. pp. 190 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

OS BOUCELLOS (San Martiño de Mondoñedo)
Diminutivo de "bouza".


OS CALVOS (Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro)
Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen a un lugar sen vexetación.


OS CANEIROS (Cordido)
Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar. Por tanto, será "lugar pechado que cruza unha cale ou canal con auga".

OS CORGOS (San Martiño de Mondoñedo)
Ver "Corgos".

OS COTILLÓS (Fazouro)
Plural de "cotillón", derivados de "coto".


OS FOROS (Nois, Santa Cilla do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo), OS FOROS DE MARCOS (San Martiño de Mondoñedo)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

OS MOURÁS (Santa Cilla do Valadouro)
Posiblemente de (uilla) Mauranis, forma en xenitivo de Mauran, nome do antigo posuidor desta uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. Cf. aquí.

OS PEDROUZOS (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "pedrouzo", frecuente en Galiza, indica unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. aquí .

O sufixo -ouzo dálle un certo matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. aquí.

OS ROCELLOS (Santa Cilla do Valadouro)
Diminutivo de "roza". O termo "roza", do latín ruptia, refere a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".

OS VEDROS (San Martiño de Mondoñedo)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo".

PALMIZ (San Martiño de Mondoñedo)
Tratándose dun núcleo de poboación, podería derivar de (uilla) Palmiti, forma en xenitivo de Palmitius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. aquí. Porén, sería preciso contrastármolo con documentación antiga, xa que este nome non parece que fose frecuente.

PAMPILLOSA (Fazouro)
Lugar onde abunda o "pampillo", unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida. Cf. aquí.

PANDA (Fazouro)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

PARAFRITA (Nois)
De Petra Ficta 'pedrafita', "pedra chantada", lugar onde posiblemente houbo un marco medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

PARDIÑAS (Vilaronte, Fazouro)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PASADA DAS BARCIAS (Fazouro)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña".
Ver "A Barcia".

PEAL (San Martiño de Mondoñedo)
Tratándose dun núcleo de poboación, podería derivar de (uilla) Pedali, forma en xenitivo de Pedalius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. aquí
Porén, sería preciso contrastármolo con documentación antiga, xa que este nome non parece que fose frecuente.

PEDRAFITA (Santa Cilla do Valadouro)
De Petra Ficta ''pedra chantada', lugar onde posiblemente houbo un marco medieval de separación, ou talvez un menhir prehistórico.

PEDRA CHANTADA (Cordido)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun mehir prehistórico.

PEDRIDE (Nois), PEDRIDO (Cangas)
Os termos "pedrido", "pedride" e "pedragal" designan un "lugar onde abundan as pedras". No caso de "Pedride", o abundancial en -ide é relativamente frecuente nesta zona, así "Mexilloíde" en Xove. Cf. aquí.

PEIZÁS (Santo Acisclo do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo)
O termo "peizás", o mesmo que "painzás", é o plural de "painzal", e un lugar onde se planta paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo.

PENA ADRADA (O Monte)
Transcrición da pronuncia de "pena hedrada", 'pena con edra'.

PENA DO ORXAL (Nois)
O topónimo "Orxal" costuma ser interpretado como un lugar onde abunda o "orxo" 'cebada' (véxase por exemplo G. Navaza "Fitotoponimia Galega"). Evolutivamente, esta interpretación non presenta ningún problema, sería simplemente o uso do sufixo abundancial -al engadido ao apelativo "orxo", do latín hordeum 'cebada'.
No entanto, semanticamente esta interpretación é problemática neste caso, ao tratarse dunha pequena illa rochosa, batida polo mar e sin terreo dispoñible, parece improbable a existencia de cebada.

Alternativamente, cremos que este topónimo debe ser interpretado como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', talvez derivado dunha forma *or-w-i-, tal como postula E. Bascuas para o caso de "Oroxo" (cf. p. 119 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), ou talvez dunha forma *or-d-, derivada da mesma raíz indoeuropea *er- .

PENA ESCAIRO (Foz)
Ver "O Escairo".

PIÑEIRO (Nois)
O nome deste núcleo de poboación podería podería ser un fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome.
Alternativamente,  podería ter orixe no xentilicio Pinarius, que sería o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

PIEGO FERRÓN (Vilaronte)
Un "peago" ou "piago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
Neste caso, "Ferrón" viría da forma Ferronii, forma en xenitivo de Ferronius, un cognomen rexistrado na Idade Media. Cf. aquí.

PRAIA DO SARRIDO
(Fazouro)
O dicionario define "sarrido" como "sitio areoso", lugar onde abunda o "sábrego" ("terra areosa que se forma pola descomposición do granito e que é moi empregada na construción).

PRADO DA GALIÑA (Cordido)
Posiblemente referido á existencia dalgún penedo. Ver "Fragaliña".


PRADO DAS LEAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Posiblemente de orixe prerromana, da forma indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacibles, en remanso'.

Estaría relacionado con outros topónimos como "Ribeiras de Lea", con "As Leas" no Valadouro ou co asturiano "Llena". Cremos improbable que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

PUMAREGA (Vilaronte, Cangas)
O mesmo que "pumar", finca plantada de maciñeiras/mazairas.


PUMARIÑO (Nois), PUMARIÑOS (Cordido)
Indica un pequeno "pumar", un 'horto de froitas, xeralmente maciñeiras'.

PUNTA DO MÓGARO (Nois)
Ver "O Mógaro".

PUNTA DOS CAIROS (Foz)
O apelativo "cairo", neste caso, ao tratarse dun con, debe interpretarse na acepción de "dente canino", indicando a forma da rocha.

RAÚLFE (Santo Acisclo do Valadouro)
De (uilla) Ranulfi, forma en xenitivo de Ranulfus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica.

REGO DAS LEAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Ver "Prado das Leas".


REGO DO ENCANTO (Cordido)
Segundo López Cuevillas, o "encanto", na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, "Prehistoria de Melide", in "Terra de Melide". 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da "Pena Leirada" a lenda ".. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán".  Cf. aquí.

O termo "encanto" pode tamén estar relacionado, alén de con algunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionado con "rocha, canto, borde", "beira de río con coios".

REIRIZ (San Martiño de Mondoñedo)
De *(uilla) Regirici, forma en xenitivo de Regiricus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), antropónimo de orixe xermánica.
En efecto, indica Piel que os topónimos Rairiz e Reiriz derivarían de Regirici, de ragin 'consello, decisión' e rikaz 'poderoso'. Indica tamén que a alternativa de provir de Ranarici, ademais de non estar rexistrada, probablemente daría **Rariz, o mesmo que dá Ramil a partir de Ranimiri. Cf. p.76 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

RILLEIRA MOURA (Cangas)
Ver "A Rilleira".

RÍO MASMA (Vilaronte)
O río "Masma" está documentado na Idade Media como Masoma ("inter Iube et Masoma"), Masuma e Maseme.
Aínda que o significado sexa incerto, é probable unha orixe prerromana, dado o sufixo átono "-ma", indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo".
J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- 'húmedo' (cf. aquí), co que significaría algo como "o moi húmedo".

RÍO OURO (Santo Acisclo do Valadouro, Fazouro)
O río "Ouro" está documentado na Idade Media como Aurio.
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana e estaría na raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír' (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Esta orixe paleoeuropea parece reforzarse se temos en conta a existencia do "río Ourubio" (afluente do Navia), no que vemos a mesma raíz Our-, así como a forma -ubio 'auga, río', tamén paleoeuropea.

Non cremos probábel a interpretación doutros autores como F. Villar, que relacionaron este topónimo co latín aureum 'de ouro, dourado' (cf. aquí, aínda que Villar interpreta "Ourubio" do mesmo modo que aquí facemos).

Este río deu tamén nome ao topónimo Valadouro, de "Vale do Ouro"

ROZA VELLA (Cordido, Fazouro), ROZAS VELLAS (Nois)
Ver "A Roza".

SA (Cordido)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", in "Historia de la lengua española". 2004).
Por outro lado, Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. Roberts, E. A. e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996).

SACIDE (Fazouro)
O mesmo que "Sacido", 'lugar onde abundan os salgueiros'.



SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO (San Martiño de Mondoñedo)
Este lugar foi, como é sabido, o lugar orixinario do nome "Mondoñedo". Aparece mencionado como Mindunietum no ano 877 ("loco qui Mindunietum vocatur", cf. P. Flórez, 1747 e ss, "España Sagrada").

A orixe deste topónimo foi amplamente estudada por E. Bascuas, que lle asigna unha orixe prerromana, nun composto mind-oniētum, no cal *mind- sería unha forma do celta galaico, que significaría "monte" (ou tamén "boca"), derivado da raíz indoeuropea *men- 'elevarse, sobresaír'. Para a segunda parte, oniētum, interprétao como hidrónimo, composto de oni-ētum, onde *oni sería unha forma celta *on-, cun significado similar a "charco", e -ētum o coñecido sufixo abundancial latino (co cal *onietum sería algo tal como "charqueira"). En base ao anterior, Bascuas dálle a mind-onietum un significado similar a "charca do monte, do alto". Cf. 
pp. 423 e ss. de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17.

SANTO ACISCLO DO VALADOURO (Santo Acisclo do Valadouro)
Con respecto a Valadouro, é un termo composto de "Vale do Ouro", do río Ouro. Ver "Río Ouro" para máis detalles.

Canto a "Santo Acisclo", semella que é unha forma castelanizada, xa que figura atestado como "Sante Cisco" no "Censo de Pecheros" de 1528. Isto parece indicar que a forma real da época seria "Santo Acisco" ("Sant'Acisco"), o cal se confirma co seu atestamento  como "San Açisco" no "Censo de la Sal" de 1631.


SEOANE (Vilaronte)
O nome deste núcleo de poboación, que forma parte de Vilaronte, refere ao patrón da parroquia, San Xoán. É, por tanto, un haxiotopónimo, derivado de Sanctus Iohannes (San Xoán).
Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluiu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.


SOBRADO (Santo Acisclo do Valadouro)
O apelativo "sobrado" refere en galego ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Xeralmente, é interpretado como derivado de superatum, no senso de 'sitio alto, eminente'. Así, I. Millán defíneo como "tierra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Isto encaixaría por exemplo no caso do  "Monte Sobrado" en Xove.
Por outro lado, J. Piel interpretou "sobrado" como pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala), as tres denominando "residencias máis ou menos fidalgas" (cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953). Aplicaríase, xa que logo, no senso de casa de certo lustre ao ter varios andares.
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de "suberatum", tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

SOUTO DE ANIDE (Cangas)
Ver "Fonte de Anide".

SOUTO DA CADOIRA (Nois)
Ver "Cadoira".

SUVIÑAS (Santa Cilla do Valadouro)
Composto de "su Viñas", indicando un lugar situado ao pé das viñas, por debaixo das viñas.

TARANDEIRAS (O Viveiró, Silán)
Posiblemente relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). Os topónimos Taranco, Tarancón, foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

TARO DOS SABOGOS (O Viveiró, Silán)
Este topónimo refere a un accidente costeiro, polo que cremos que "Taro" pode estar relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). Os topónimos de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara- foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os derivados da raíz indoeuropea *ter- 'fregar, perfurar'. Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Canto ao termo "Sabogos", posiblemente estea relacionado co apelativo "saboga", referente a un peixe pouco apreciado. Xa que logo, indicaría a abundancia deste tipo de peixe nese lugar.

TORRELLÓN (Vilaronte)
A priori, o termo parece derivado de "torre". Sendo un núcleo de poboación, podería ter sido unha torre de vixilancia, ou ben restos de castro.
Aínda que esa interpretación prevalece, ao non dispormos de documentación antiga do lugar, tampouco podemos deixar de considerar a posibilidade dunha orixe prerromana, quer no tema *tur- 'altura', quer na raíz indoeuropea *ter- 'frotar, fluír' ou da tamén raíz indoeuropea *twer- 'arremuiñar, precipitarse', cun significado semellante ao de "barranco", tal como ocorre no "Torrillón" nas Negradas (cf. Toponimia do Vicedo).

VAÍL (Vilaronte)
Posiblemente de (uilla) Badilli, forma en xenitivo de Badillus, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Aínda que para este nome descoñezamos atestamento na Galiza, si está documentado na Galia (cf. aquí). No entanto, é apenas unha hipótese.

VAO (Santa Cilla do Valadouro, San Martiño de Mondoñedo), VAOS (Vilaronte)
Un "vao" é un paso, xeralmente de río, e en particular en sitios de pouca profundidade nos ríos, polo que se pode pasar dun lado ao otro ("vadear").

VARGADO (Foz)
O apelativo "bargado" indicaría unha empalizada, lugar valado de estacas. Cf. aquí.


VEDRAL (Cangas)
De "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Alternativamente, lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta de nome científico Amaranthus blitum.

VEIGA DA RAÑA (Santa Cilla do Valadouro)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso.
Raña é un topónimo relativamente frecuente, cuns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc. O seu sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal, "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras". Cf. DGPE.
No dicionario figura "raña" como "Terreo alto e de monte pobre" e como "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Rivas suxere para o topónimo un tema paleoeuropeo *ra-, *ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar". Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín"
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.


VEIGA DA PATEIRA (Vilaronte)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións, entre elas a de "pequena lagoa ou poza onde paran os patos selvaxes". Tamén a de "pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) onde se crían patos, capóns, etc". Cf. aquíTamén se chama "pateira" á pedra do forno, debido a que as "pateiras" dos patos e capóns estaban colocadas preto do lar.
Igualmente, A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses "Pateiro" e "Pateira" como "lameiros", derivados metaforicaente de "pato" por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. "Toponímia de Ponte de Lima").

No caso que nos ocupa, tratándose dunha veiga, semella probable que se trate dun zootopónimo, indicando lugar onde paran os patos. En efecto, Joseph Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

VEIGA DE AMARANTE
(Cordido)
O termo "Amarante" deriva do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle", e que acostuma, a extender o seu uso a "vale, veiga, etc", como ocorre cos demais hidrónimos paleoeuropeos.
Este topónimo "Amarante" foi estudado por E. Bascuas, que o deriva da forma *amara, co sufixo -nt- frecuente en nomes prerromanos de ríos e derivados. Cf. p. 216 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

VEIGA DE CANDÍN (Nois)
Derivado de Candini, forma en xenitivo de Candinus, nome do antigo posuidor.

VEIGA DE ESCANLAR (Foz)
Ver "Escanlar".

VEIGA DE REQUEIXO (Santo Acisclo do Valadouro, Fazouro)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. aquí) ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

VENTÍN (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Valentini, forma en xenitivo de Valentinus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola") , nome de orixe latina.

VER (San Martiño de Mondoñedo)
De (uilla) Valerii, forma en xenitivo de Valerius, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina. Alternativamente, de *(uilla) Baderii, dun posuidor chamado Baderius, nome tamén de orixe latina.
O máis probable é o primeiro caso, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos onde non se perdeu o "-l-", tal como en Asturias. De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I.

VIGO (Vilaronte)
Do latín vicus 'aldea'.

VILABOR (Vilaronte)
De Uilla Avioli, forma en xenitivo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.
Tería pasado por un estadio intermedio con nome Vilabol, do que pasaría a Vilabor por disimilación do segundo -l-.

VILACENDOI (Cangas)
De uilla Sendoni, derivado do nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola") chamado Sendo(ne), nome de orixe xermánica. É homónimo do "Vilancedoi" de Bocamaos, rexistrado como Uilla Sendoni xa no ano 760 (cf. p. 928 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". 2011).
En Galiza atopamos topónimos "Cendoi", "Cendón", e "Sendón", o cal parece reforzar esta hipótese.
Alternativamente, podería vir de uilla Kindoi, dun antigo posuidor chamado Kindoi, nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa aquí. Xa J. Piel e D. Kremer, no seu "Hispano-gotisches Namenbuch" vencellaron co xermánico *kindins 'guía, xeneral' os topónimos do estilo Cendoi, Cendón, etc.

VILACIZAL (Santa Cilla do Valadouro)
Tamén chamado "Vileizal". De "Uilla Caesarii", referido ao nome do antigo posesor  da uilla ("explotación agrícola") chamado Caesarius, nome de orixe latina.
Este topónimo foi estudado por Nicandro Ares (cf. p. 560 de "Estudos de toponimia galega". 2011).
Existe outro "Vilacizal" próximo en Benquerencia.

VILEIZAL (Santa Cilla do Valadouro)
Ver "Vilacizal".

VILAMOR (Cangas)
De uilla Mauri, forma en xenitivo de Maurus, o nome dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe latina (cf. p. 1188 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". 2011).
De feito, figura atestado como Villa Maur nun diploma do Tombo de Lourenzá datado en 969.

VILAR (San Martiño de Mondoñedo), VILARES (Vilaronte)
Ver "O Vilar".

VILARONTE (Vilaronte)
Figura en 1370 como Vilarunti. Indica unha uilla medieval, asociada ao nome do posesor, p
osiblemente de "uilla Aruntii", uilla pertencente a Ar(r)untius (cf. Kajanto. "The Latin Cognomina"), aínda que estabelecer o nome concreto sexa controverso
Así, Nicandro Ares derívaa de Arontii, Rontii ou Runtii, formas en xenitivo respectivamente de ArontiusRontius ou Runtiius, de orixe romana (cf. p. 369 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega".  2011).
Alternativamente, pode derivar de uilla Gerontii, dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola") chamado Gerontius, nome de orixe latina (cf. M. Costa en frornarea.blogspot.com). 


VILARMEA (Fazouro)
Este topónimo, documentado en 1258 como "Villa Armea", foi estudado por E. Bascuas. Este autor atribúelle unha orixe en Armena, formado a partir do elemento paleoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'.
Tería, por tanto, a mesma orixe que o actual Armea en Láncara (Lugo) dun rivulo Armena. Cf. p. 46 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

VILASINDRE (Cangas)
De Uilla Sindi, a forma en xenitivo de Sindus, que correspondería co nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). O nome Sindus é de orixe xermánica, aínda que non quer dicir en absoluto que o posuidor tivese tal orixe.  
A inserción do -r- é un fenómeno relativamente común, que ocorre con outros topónimos como "Gocendre" < (uilla) Godesindi
Este topónimo foi xa estudado por varios autores como Martínez Lema (cf. P. Martinez, "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens". 2012). Cf. aquí.

VILATUIXE (Santa Cilla do Valadouro)
De *Uilla Teudiscli, ou de *Uilla Todiscli ou de Uilla Theodigii, sendo Teudiscli/Todiscli/Theodigii a forma en xenitivo do nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Os tres posíbeis nomes, Teudisclus, Todisclus, Theodigius, son de orixe xermánica, aínda que iso non quer dicir en absoluto que o posuidor tivese tal orixe, xa que os nomes de orixe xermánica eran comúns na (Alta) Idade Media.


VILAXOANE (Foz)
De Uilla Iohanni, dun antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola") chamado Iohannes, nome de orixe hebraica, do cal derivan os actuais nomes "Xoán" e "Xan".

VILELA (San Martiño de Mondoñedo)
Diminutivo de "vila", usando o antigo sufixo diminutivo -ela.

VINTUEIRA (Fazouro), VINTUEIRO (Nois)
Probablemente transcrición da pronuncia local actual de "Ventoeira", "Ventoeiro", indicando un lugar ventoso.

XINZO (San Martiño de Mondoñedo)
O topónimo "Xinzo", relativamente frecuente en Galiza, deriva de Genesio, nome de santo cristián (cf. p.384 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).

XONCEDO (Cangas)
Lugar onde abunda a planta chamada "xonza" ou "xunza", latín iuncea, nome científico Cyperus longus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario